Xela Arias Castaño naceu no ano 1962 en Ortoá (Sarria), onde pasa os seus primeiros anos até a súa marcha para Vigo, un espazo que se vai configurar como lugar de referencia vital para a autora.
Moi nova, a principios da década dos 80, inicia a súa traxectoria literaria a través da publicación de poemas en numerosas revistas e xornais, ao tempo que comeza a traballar en Edicións Xerais, tras abandonar os seus estudos despois de obter o título de Bacharelato. Alí, desde outubro de 1980 até 1991, vai ir desenvolvendo diversas tarefas vinculadas ao mundo da edición (revisión e corrección de textos, creación de coleccións como, por exemplo, Xabarín etc), para alén do seu labor como tradutora, que a converten nunha das primeiras editoras profesionais na Galiza. En 1991, retoma os seus estudos e comeza Filoloxía Hispánica, aínda que seguirá ligada a Edicións Xerais como tradutora e correctora de estilo.
En 1986 aparece o seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio, un poemario co que foi finalista do Premio Losada Diéguez e que foi valorado como rupturista e innovador pola temática e, tamén, desde o punto de vista editorial (con ilustracións de Xosé Guillermo e certo ar de fanzine).
En 1990 publica, en colaboración co fotógrafo Xulio Gil, Tigres coma cabalos, obra tamén concibida desde unha vontade de experimentación e ruptura, e que tivo unha ampla repercusión, onde se presenta un diálogo entre texto poético e fotografía de corpos espidos. É este un traballo de dobre autoría que desenvolve unha interesante e novidosa proposta de diálogo interartístico entre poesía e imaxe.
Tras ser nai, a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia en relación co seu fillo en Darío a diario (1996). Neste libro introduce unha nai inédita, que acompaña o crecemento do fillo, desde a súa xestación até o primeiro ano de vida, a diario, o que dá como resultado un poemario orixinal, centrado na relación entre nai e fillo e no desexo de que creza independente.
Nesta década de 90 introdúcese tamén na escrita narrativa e, así, ven a luz algúns destes relatos, como “Que si, que si” incluído na obra Contos eróticos/Elas (1990), ao tempo que continúa publicando poemas en xornais (sobre todo en Faro de Vigo), revistas (A Nosa Terra, Festa da palabra silenciada ou Luzes, entre outras) ou en numerosos volumes colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997) ou Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003).
Na súa última etapa, a partir de 1999, traballou como profesora en varios institutos, unha experiencia docente que lle resultará satisfactoria e que compatibilizará até o final dos seus días co seu intenso traballo como tradutora (verteu ao galego, entre outras, obras de J. Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Alice Vieira ou Baudelaire) polo que recibiu múltiples recoñecementos (Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro). Pertenceu á Asociación de Tradutores Galegos, así como ao consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.
En 2003 publica o seu derradeiro poemario, Intempériome, un libro que demostra a súa absoluta madurez creativa e onde presenta unha proposta radical desde unha marcada conciencia de xénero. Pouco despois, o 1 de novembro de 2003, falece en Vigo dun ataque ao corazón.