A MAÑÁN É NOVA E NEBOADA
A mañán é nova e neboada
a celebrá-los colores no íris, nas pupilas,
Estou sola
sendo espello único e presidiario
do novo día que nace perfecto e neboente
polo este océano
a chamar no marmurio
Marmurio nana das súas ondas,
A natureza a pari-los cantos dos pardaos
nas ramas dos piñeiros
os toxos timidiños florecendo
cos lagartos invernantes acochadiños
vai ti saber
en que covacha escondidos,
Eo mar
e a escuma
e a néboa
facéndome animal e natureza
e son de novo nena
inocente
infantil
e luminosa
Sei dunha predicción mesta
a facer bolachiñas no cerebro pensante
da miña cidade
non miña
somentes cadaleito de supervivencia
e a predición medra e mata cando medra
este espello no íris nas pupilas
morea de colores e cantos
sendo vida viva
inocente
inxenua
e presidiaria
Neboeira 1 (1983)
Chovía
Os mares sulagaban as pedras
Retortas e cabalos
Corea. Chick. Chick Corea. O dial esvara
Sabes: estou soa. A fiestra grande da pantalla ten
Colores chumbas fumes e un coche
Vermello que pasa
a ventá
Ariadna fía
Un edificio e outro érguense
En mausoleo informe para mañán e algunha Alicia
Pequena, tal vez luxada, entra na pantalla calada
Os ollos dela véñenme entran e furan
E trae nos brazos abertos millóns de flores e colores
¡Colores!
E son colores raras
Estrañas de non velas
E Ariadna fía
A chuvia chovía e andante andaba
Penso levaba flores para unha lápida
Sen nome convertida en edificio
E noutro que se erguen. No pasado avoa
Negra morta
Cun conto que Alicia recorda e
Pasa pola ventá.
Ariadna aínda fía
E logo cansa. E logo cala
Faro de Vigo (24/6/1983)
A MIÑA POESIA
POÉTICA
Achégate a min.
Perdón, que é unha autopoética?
Cada escrita é auto
Son eu
Que cuestiono amo bico plantexo e replantexo
Por verme
Saír e perderme
Un obxetivo!
Achegarme a ti.
Festival da Poesía no Condado (1984)
A DE QUEN COMPRENDE ...
I
A de quen comprende non é
palabra feliz.
A de quen transmite é
terminoloxía útil.
Se na vida cotiá o balazo
non rebenta en estourido a estupidez,
pouco importa intelixencia ou sentimento.
II
Inmaculábante. Eras necesaria.
Inmacúlante. Es o principio da camiñada.
Mira como así rabenan
rematan esgotado o teu dereito a rebentar.
Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti.
A de quen comprende non é
palabra feliz.
Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1999)
Celebro en ti, lembrando a moitas,
o teu E e maila túa praza.
Pois fillas de batalla doméstica
(e así por fóra)
sexa pracer
engadir na pintura a raia obviada,
construí-la casa coas ventanas.
Abrir portas á palabra e
buracos ás entrañas. Recoñece-las mans,
e os pés e os brazos e as pernas.
Estou en saias,
ensaio a vida,
en bragas,
ensaia-la vida en bragas.
Reconducir da historia a narración negada.
Sacudi-lo patrón da cabeza
e botar fóra a nosa andada.
Ensaia-la vida en bragas, Mª Xosé.
As bragas de nós todas nesta xornada.
Festa da palabra silenciada 15 (1999)
CADÁVER DE MAN
Ouvea calado no cimo dun pelouro Man.
O cuspe das ondas repetidas acado o dorso da lúa.
Nós,
tolleitos coa palabra nos dedos coma unha esmola
presentada.
Encóllese o vento noutra rafa furiosa de incendio sen lume.
Man ouvea calado.
É un tributo ós delirios financeiros que tapan as novas
doutras novas nos xornais.
Un agasallo inmerecido a complicidade dos silencios.
Encóllese o corazón noutra rafa furiosa de incendio sen lume.
Ouvea non chora
no cimo dun pelouro Man:
chama por nós.
Mira o cadaver xunguido á fe na vida,
caído na batalla sutil coa orde do mundo.
Miremos aínda,
desde os hábitos nosos de mareantes sen fe.
Póusalle o ouveo no centro ás pegadas que engades.
O trasno. IES Álvaro Cunqueiro (2004)
A paixón que aniño ten por veces o bico en berro
sen saber por que é que vale algo sae
coloca un xesto vagantío no desperezo
franquea a porta da selva
érguese dos des-animados é furúnculo
furioso
que traspón e incomoda a aventura é
arco tensado
e a plegaria fai feliz...
ós consagrados da noite
esbarrada nas tempas queda innomeable
e confundida
pero é habitáculo de un tamén
desanxelada
e
se me deixas non explicaba nada porque
unha acción fai enchenta dos fabulosos
recreos
e quero que así sexa
Denuncia do equilibrio (1986)
Na enfermidade tan gastada das urxencias...
cambio de rexistro e asisto
-abraiada e esplendidamence absorta-
a esta vosa visita ós restos.
Qué vísceras aínda quentes non lembran
acenos das vosas vidas,
qué pistas atrasadas na memoria.
Acóchome tralas túas pernas:
-Deixa madura-la soberbia.
Asisto asombrada ó teu desexo e
cedería o meu puñal pola túa furia.
Tigres coma cabalos (1990)
Alienada morfoloxía dos deberes
tes por gloria a conquista do escaparate.
Intempériome (2003)
PREGÚNTANME: A POESÍA?
Toda poesía é un trato coa búsqueda da vida poderosamente iluminada; unha consecuencia da vida mesma; toda poesía é logo un parto preciso para principiar o remate do embarazo; se non tivese o recurso de esparexer os pantasmas nos signos das letras, é ben seguro, sería delincuente.
O caos vital semella urdíndose darredor, non gusto do sistema no que hei de desenvolverme pero estou aquí e teño patria (por Rilke, a infancia; por Holderlin/Rosalía, Galicia; por min, todo o que toco).
Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta.
Que unha palabra sexa un país virxe: os tempos persoais non existen (eu son ti e el e nós e vós), os xéneros quedan desterrados (querida/querido, só un senso por un amor inmenso que eu/me comparta).
Só é poesía aquela que non busca victorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas. Só é poeta o que busca liberarse de si mesmo. Só será Poeta quen o conquira.
Suplemento Faro de Vigo (10/05/1984)
Non creo ter un punto de vista moi orixinal en canto ó tema muller e literatura. Si orixinais, en canto que miñas, de primeira man en min, son as miñas propias experiencias; e logo, como muller e como «escribidora» podo xogar á reflexión con algunhas delas.
Polo pronto debo dicir que escribo desde unha falacia.
Escribir, para min, é un acto de liberdade no que necesariamente as miñas neuronas precisan buscar aire. Pero do mesmo xeito que é un acto de liberdade practicado nunha sociedade non libre, senón especialmente dependente de mercados, do mesmo xeito permítome a falacia de escribir sendo muller e practicando a idea de que isto non comporta diferenza ningunha coa posibilidade de que eu fose un home.
( … )
Publiquei o meu primeiro libro, Denuncia do equilibrio, no ano 1986, cando había quen coidaba estar nunha doce idade de ouro da poesía, non se soubo nunca ben se atendendo á calidade, pero desde logo si apoiándose na cantidade. Cantidade había sumando os dous sexos, pero abóndanme os dedos das mans para citar os nomes das que entre todos eran mulleres novas publicando naquel momento, e hoxe sóbranme os dunha man soa para contar as que sobreviviron daquilo (sobrevivir no sentido de que sigan publicando, por suposto, que aquí tamén sabemos que hai quen cae, pero tamén quen escapa).
( … )
Se non me sumei tampouco a colectivos que me amparasen, e iso conleva unha certa confusión coas miñas posturas, debo dicir tamén que tanto me ten. Todo está na poesía. Se se le, vese. Se non se sabe ou non se quere saber ler, para que explicarse? Non vou de feira, só escribo.
Conferencia «Muller e literatura» (1991)
A poesía non pode estar de moda nunca, nunca ha ser suxeito da publicidade. A publicidade é capaz de crearnos necesidades que non sabíamos, xa que non tivésemos, senón que podiamos chegar a ter, porque do seu éxito nace a nosa dependencia pagada en pesetas. E un poema non é suxeito declarable en moeda, porque un bo poema é un pasquín nas conciencias, un libelo, funciona coma un panfleto nas memorias e nas lembranzas que nos conforman a historia propia. A poesía é pasquín porque encerra tamén verdadeiras bombas de contido; o poeta, ser que como tal se sabe ás marxes da mercadotecnia, da industria do momento (en canto poeta, só, desde logo), é un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade (o límite márcanos os editores, verdadeiros vareadores da existencia da poesía). Un miradoiro libre desde o que a sociedade deixa unha fenda para a subversión, para a creación desde ela dun microcosmos de revolución afectiva, porque fala directamente desde unha ollada expertizada en axexar o humano, e faino en pílulas de emoción e ritmo con ideoloxia que o poeta ten a obriga de captar ou estruturar, ritmo que o poeta ten a obriga de inventar. Instrumentos: ollos e palabras.
Só o día en que como persoas non nos entendamos con palabras e ademais esteamos ben conformes co mundo, con nós mesmos, cos nosos semellantes, a poesía, os poetas para que? Para nada.
A min sérveme a poesía, son adicta e dependente porque necesito reencontrar o humano todo a toda hora, por ver de me entender e entendervos, entenderme convosco. Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contraditoria e filla das miñas contradicións, se me parece insuficiente o labor das ficcións narrativas, novelescas ou fílmicas para saber de min, e eu son os meus semellantes, a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entender o humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa (para empezar, por imposta, por non decidida).
( … )
Cito a Ferrín, que sempre é unha garantía: «Veleiquí o río de nós que compara/ rumor e delicia fervente coa caducidade/ e as tonas máis esgrevias dos derradeiros dias./ Veleiquí o que é semellante ao lume e é humor, / e, contentándose coa abolición da gramática, / renace en cántiga repetida desde o principio dos / líquidos».
El falaba de amor. A min sérveme agora para falar de poesía, porque é o único territorio humano verdadeiramente libre que coñezo. Créase cando se escribe e créase cando se le, e crear é inventar o mundo e mais as marxes do mundo, pódese ter un poder máis grande?: organizar o mundo, marcar as propias marxes, ou abatelas, desde a exploración de cadaquén. Se a poesía vale todo iso, a que vén preguntármonos o para que da poesía ou os poetas?
Conferencia «Para que os poetas hoxe?» (2001)